Pedregal de Irimia, onde a auga do Miño é pedra
Meira
As lendas e poesías sobre o Pedregal de Irimia sobreviven ao paso do tempo. Un dos ríos máis importantes de Galicia brota de distintas fontes que saen desta serra, situada na zona oriental da Terra Chá
27 Jun 2020. Actualizado a las 05:00 h.
O Pedregal de Irimia é o foco de inspiración dun bo número de lendas e poemas. Neste lugar, ao oeste da Serra de Meira, nace o río Miño. Desemboca, 340 quilómetros despois, no estuario da Garda, xa na provincia de Pontevedra. Boa parte do caudal pasa por zonas que forman parte da Reserva da Biosfera. É o río galego por excelencia e xa dicía con moito orgullo Manuel María que el nacera á beira do Pai Miño.
A orixe do Pedregal atópase nunha morrera de orixe glaciar. Foi a natureza a que depositou centos de pedras nesta ladeira de aproximadamente 700 metros de descenso. Baixo as pedras e dun xeito que custa imaxinar brota a auga do Miño. Iso si, rodeada dun monte de eucaliptos e de eólicos que ocupan boa parte das vistas.
No Pedregal é posible pasear sobre as pedras, onde o son da auga se funde co cantar dos paxaros. O Miño brota de numerosas fontes repartidas pola Serra de Meira e unha delas está no alto do Pedregal de Irimia. O lugar en si ten algo de emoción e na zona da ladeira máis elevada divísase Meira, pero tamén vacas pastando nos campos que debuxan a silueta da Galicia máis rural, pero tamén da máis auténtica. Dicía tamén Vicente Risco nun dos seus libros que cada terra é un mundo enteiro, e isto é o que acontece neste lugar.
Área recreativa
Na mesma zona onde comeza o Pedregal, á esquerda, hai unha zona recreativa, chamada O Porto da Pena, con mesas para comer, algunha incluso con teito para os días nos que ameaza a choiva. Hai numerosas lendas sobre a zona. Algunha fala de pescadores que cometeron algún pecado e mudaron en pedras. Dise que as súas almas aínda agardan o perdón divino, bañadas polas augas do Miño. Outro conto di que hai anos, unha maga chamada Irimia levábase mal cos monxes dun convento e que un día, mentres vixiaba o gando, foron os sacerdotes cobrarlle facturas. Ela, para defenderse, lanzou pedras e recitou unha fórmula para deixar claro que o río era seu, e por iso se chama o Pedregal de Irimia. Outra lenda fala da imaxe de San Bieito, que no seu retablo aparece a imaxe dun corvo con pan na boca. Din que San Bieito facía cumprir normas moi duras, e que por iso unha vez lle deran pan envelenado. San Bieito alimentaba a diario a un corvo pola ventá. Ese día foi o animal o que lle quitou o pan maldito, e salvoulle así a vida.
Durante bastantes anos indicouse que o Miño nacía en Fonmiñá, Concello de A Pastoriza. Pero demostrouse que o verdadeiro nacemento está no Pedregal de Irimia, que o río continúa por Meira, e que remata en Fonmiñá.
Para chegar, dende a praza do Concello de Meira hai que seguir durante tres quilómetros a estrada lateral esquerda da igrexa, a LU-P-3003. O camiño ata o Pedregal está ben sinalizado e ao chegar, é recomendable deixar o coche nun pequeno aparcadoiro. Aínda que Google Maps ofrece algunha alternativa para chegar ata a zona alta, non é recomendable facer a trampa a non ser que se conte cun coche adaptado para as pistas forestais.